lunes, 21 de marzo de 2016

21 de MARZO: DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Dende o ano 1999 a UNESCO decidiu dedicarlle un Dia Universal a un género literario que reflexiona sobre o poder da linguae poética. Como vén sendo habitual neste día, preténdese apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética, e dar a oportunidade ás linguas ameazadas de ser un vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
As paredes do IES Carlos Casares énchense de versos, poetisas e poetas que buscan achegarse a todas e a todos e, sobre todo, que necesitan ser lidos. Un día especial para que os versos nos acompañen todo o ano. 









miércoles, 16 de marzo de 2016

CONTOS DE DEFUNTOS

Onte volvemos gozar coas historias tiradas da literatura popular grazas a Brais, integrante de A tropa de trapo. Nesta ocasión os contos de medo, onde a Santa Compaña, as encrucilladas, os espíritos que entran nos corpos das persoas ou as crenzas arredor da morte encheron o auditorio do IES Carlos Casares e fixéronnos tremer de medo, rir coas ocorrencias dos protagonistas e gozar dunha tradición oral que, como ben deixou claro Brais, non debemos esquecer porque forma parte de nós, da nosa forma de ser.




miércoles, 9 de marzo de 2016

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O 8 de marzo é o Día Internacional da Muller. En orixe era un día marcado pola solidariedade cos pobres. Son os empobrecidos os que comezan a unirse para a súa promoción. As mulleres loitan polos dereitos de ambos sexos, son sensibles pola vida en xeral, tratan o tema da fame da guerra, da escravitude e da explotación dos nenos. Todas as súas declaracións impulsan unha solidariedade claramente global e internacional. Unha cita da doutora M. Araus pon de manifesto que "a muller pasou á historia do movemento obreiro como a nai da solidariedade, sen a súa capacidade de resistencia e de loita non habería movemento obreiro".
O 8 de marzo de 1857, centos de mulleres dunha fábrica téxtil de Nova York organizaron unha marcha en contra dos baixos salarios e en contra das condicións inhumanas do traballo. Dous anos máis tarde daquel histórico 8 de marzo, crean o seu primeiro sindicato. 
Outro dos acontecementos mundialmente coñecido e lamentable foi o sucedido en Nova York no ano 1908 na fábrica Cotton Textile Factory de Washington. Un grupo de taballadoras declararon unha folga en protesta polas insoportables condicións de traballo. Pedían: ter o mesmo salario ca os homes, descanso dominical, redución a 10 h. da xornada laboral e ter dereito a lactancia. O dono non aceptou a folga, pechou as portas da fábrica e prendeu lume. Morreron 129 mulleres.
Lamenteblemente a muller aínda ten chanzos que subir na sociedade actual e de aí a importancia de destacar e reivindicar este día 8 DE MARZO.


martes, 8 de marzo de 2016

ROSALÍA de CASTRO NA VOZ DE ANXO ANGUEIRA

O mércores 2 de marzo recibimos unha visita moi especial, un antigo profesor deste centro: Anxo Angueira, volveu entrar nun lugar que tantas lembranzas lle traía e onde tan bos amigos aínda conserva. Escoitamos poemas de Rosalía de Castro na voz poderosa dun dos maiores expertos en Rosalía de Castro e presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Poemas de Cantares como" Miña santiña, miña santasa", "Nosa señora da Barca"; de Follas novas como: "A ventura é traidora" ou "¡Mar!, cas túas auguas en fondo" e de En las orillas del Sar.
Comezou Anxo Angueira destacando a Rosalía de Castro como unha gran defensora da muller e para iso leu un breve fragmento do artigo Lieders e a dedicatoria a Fernán Caballero "Señora: por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales sinto la más profunda simpatía, dedica a V. este pequeño libro (...)"
Agradecemos a Anxo a súa visita e sobre todo o posibilidade de poder escoitar os versos dunha muller á que moito lle temos que agradecer: foi unha poeta que se interesou por reivindicar a figura da muller e sobre todo da muller galega, valéndose dunha lingua moi pouco valorada naqueles anos.