jueves, 21 de mayo de 2015

"DON GIOVANNI", da compañía da ESAD-VIGO L'INDIGNATI. UNHA MOI DIVERTIDA E DIDÁCTICA REPRESENTACIÓN TEATRAL










Co gallo da conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a Biblioteca e mais a Comisión de Normalización Lingüística organizaron o pasado luns 18 de maio a representación teatral escenificada por un dos grupos teatrais da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD-Vigo).
A compañía de L'INDIGNATI, formada por alumnado de 3º de Interpretación da ESAD de Vigo, dirixida polo seu profesor NANDO LLERA, fixo as delicias do público (2º ciclo da ESO e Bacharelato) representando unha parodia do mito do DON JUAN dentro da estrutura da COMMEDIA DELL'ARTE. Unha excelente interpretación que nos fala da recoñecida calidade da ESAD de Vigo.
Rimos a esgalla porque os gags eran constantes, moi ben metidos, con referencias á actualidade. A maiores, adentrámonos por unha banda no particular xénero teatral da Commedia dell'Arte e pola outra no argumento do mito do Don Juan.
Non foi menos interesante o coloquio final, as espelidas preguntas do noso alumnado e a valiosa información que nos achegaron actores, actrices e director acerca dos estudos de arte dramática na súa escola.

miércoles, 20 de mayo de 2015

LETRAS PARA MUSEOS

Non só das paredes dos museos colgan obras de arte, tamén das do IES Carlos Casares penden verdadeiras obras de arte en verso.
O alumnado de 1º de ESO lembrouse do Día Internacional dos Museos deixándose levar e gozando dos cadros de pintores tan emblemáticos e recoñecidos como Van Gogh ou Picasso. Animados e guiados pola profesora de Educación Plástica e Visual, Almudena, aprenderon a valorar unha obra de arte atendendo a unha análise sensorial, descritiva e temática, formal e contextual. Puideron gozar das sensacións que nos transmite unha pintura, deixando que as cores cobren forma en nós, ver que historias hai máis alá do cadro ou descubrir cal será, para nós e para o artista, o centro de atención.
A partir da análise profunda e subxectiva destes cadros-láminas, o alumnado elaborou fermosos poemas nos que deixan constancia das sensacións e sentimentos que eses cadros lles producen.

Velaquí  dous poemas inspirados no cadro de Van Gogh A noite estrelecida:



Vexo luces e sombras,
no ceo dunha noite tranquila,
o vento recólleas cun suspiro
xunto coa miña tristura polo día.
As luces nas casas seguen acendidas
igual cás estrelas brillan,
brillan con alegría.
Non se decatan do que pasa aquí abaixo,
Oxalá eu fora unha estrela
na inmensidade do espacio.
Quixera escapar por aqueles campos, lonxe,
tumbarme na herba, observar o horizonte.
Teño envexa das estrelas
eu tamén quero liberdade,
aquí abaixo tan só sinto
un chisco de soidade. 

A preguiza invádeme
nesta noite de verán.
As vistas á cidade
prodúcenme ledicia,
axúdanme a non me adurmiñar.
Observo a lúa
tan fermosa coma sempre,
a máis brillante xoia
desta incrible noite ardente.
Os meus ollos xa non poden máis,
non os podo controlar…
Acabo durmida na herba
á luz do fermoso luar.



















jueves, 14 de mayo de 2015

MAIO DAS LETRAS MAIO DAS XESTAS

Co gallo da celebración das Letras Galegas, o IES Carlos Casares está de festa. As paredes do primeiro andar vístense coas caricaturas dos homenaxeados no Día das Letras Galegas. Esta celebración vense conmemorando dende  o ano 1963, ano de inicio desta conmemoración ao coincidir coa publicación do primeiro libro escrito integramente en Lingua galega.



No mes das Letras Galegas cómpre non esquecermos do valor cultural da nosa lingua, e para iso o alumnado de 1º de ESO, nas aulas de Educación Plástica e Visual e Lingua galega, déronlle a volta aos prexuízos cara á lingua galega e comprobaron a utilidade da nosa lingua. A exposición dos seus traballos pode verse no taboleiro da entrada principal.

miércoles, 6 de mayo de 2015

NOVIDADES DE PRIMAVERA NA BIBLIOTECA

Velaquí as novidades que acabamos de recibir na biblioteca

AGARDAN ANSIOSAMENTE QUE AS RECOLLADES E QUE AS SABOREEDES

BOAS LECTURAS!!!


domingo, 3 de mayo de 2015

A FESTA DOS MAIOS

No IES Carlos Casares demos a entrada oficial á primavera. O alumnado de 4º de ESO PDC reivindicou esta festa tan arraigada en Galicia e que, xa dende a antigüidade, rendía culto ás deusas Afrodita, Flora ou Maia, favorecedoras da vida e da fecundidade. Rendéronlle toda unha homenaxe ao abrollar das sementes e á aparición das cores nos campos, construíndo eles mesmos un maio. Servíronse de xestas que foron recoller polos arredores do centro, axudados polo profesor de Bioloxía -Miguel. O alumnado de primeiro de ESO colaborou na decoración do maio e elaborou coroas con flores, ovos ou laranxas, ao xeito máis tradicional. Como non podía ser doutra maneira, as coplas críticas e satíricas encheron de graza o noso centro. O alumnado de primeiro de ESO aprendeu a realizar coplas rimadas de versos octosilábicos e construíron os sarcásticos maios coa finalidade de non deixar a ninguén indiferente.